SAÚDA
| Os idus do cine Lugo, 1979: I Semana Internacional de Cine de Autor. Lugo, setembro de 2008: XXX Semana. Vale. Xa está. Ocórrenos coma cando López de Vega fixo o “Soneto a Violante”, perfecto exemplo práctico de como se fai un soneto, e colocou o último verso: “Contad si son catorce, y está hecho”. “Burla burlando”, dicía Lope que ían aparecendo os versos. Imaxe a imaxe, película a película, Semana a Semana, ano a ano. Contade se son trinta, e facemos festa. España, Galicia, Lugo e nós eramos moi diferentes ós de hoxe naquel 1979. Pensabamos ser maiores, e tiñamos arredor de trinta anos; Fonmiñá era unha rapaza noviña que viña de presentarse en sociedade; a Semana de Cine foi un experimento que caeu ben entre os lucenses e iso animounos a seguir adiante; e entre películas e cinéfilos, entre rapaces e maiores, entre película e película fóisenos o tempo, e festexando o cine pasamos vintenove anos da nosa vida como quen vive, como nunha película, como no cine. Mirando a atrás vemos as películas que foron reflectindo milleiros de vidas, vemos o Gran Teatro, o Kursal, o Paz, o Central Cinema, o España e o Victoria. E como as nosas lembranzas puidesen ser demasiado interesadas, pedimos a amigos escritores que connosco mirasen atrás. E podemos ler a Adolfo de Abel Vilela, Fernando Arribas, Xoán Ramón Díaz Sánchez, Paco Martín, X.A. Pinto Antón, Antonio Reigosa, Suso Varela, Claudio Rodríguez Fer, que lembran connosco tempos pasados que sempre foron de cine. Vintenove anos, trinta edicións, dan para moito. Son un cuarto da vida... Así desexamos de longa a vida de todos os que na Semana nos acompañen. Benvidos, lucenses cinéfilos, ós idus do cine. Xulio Xiz, Presidente de Fonmiña |