| Semana de Cine de Lugo - Xulio Xiz – E van 29, sí señor. Canto tempo desde aquel 1979 en que chamei a Curiel para preguntarlle… Oe, Manolo, ¿Daremos feito unha Semana de Cine con medio millón de pesetas?. Con esa cantidade facemos una Semana de cine que cae a muralla, respostou.¡. E así foi a primeira semana, financiada polo Ministerio de Cultura, e a Muralla non caeu. Pero no camiño quedou o Gran Teatro. Porque ó principio, o que chamabamos pomposamente “Palacio do festival” era o Gran Teatro, aquel vetusto caseirón á beira da Muralla e da Porta da Estación, onde Chicho manexaba os proxectores coa destreza dun piloto espacial, e onde se formaban grandes colas que chegaban á entón rúa do General Franco. Naquelas primeiras semanas do Gran Teatro, con abarrotes contínuos especialmente nas sesións infantiles, aprendimos o que era subministrar cine a lucenses famentos de cultura cinematográfica, ávidos de aprender. Especialmente os nenos. Na sala cabían perto de mil pequenos, pero non abriamos o “galiñeiro” polo que a cabida sería de arredor de setecentos. Entraban os que entraban. E nenos de pe nos pasillos, os máis pequenos dous en cada butaca. Era arrepiante ver tanto neno atento á máxia da pantalla. En silencio relixioso cando correspondía, en estourante batifoula cando na pantalla aparecía algo digno de ser festexado. Aqueles nenos de hai vintetantos anos, hoxe volven ó cine. E traen ós seus nenos. A vida segue, as xeneracións renóvanse. Pero o cine é o mesmo. Manuel Curiel Curiel está tolo polo cine. E entende de cine. Por eso comezou a ser director da Semana con 32 anos. Agora vai polos sesenta, e calculamos que pode resistir ata os noventa. A Semana de cine – todas as semanas – están na súa cabeza. Neste momento está a teimar coa edición XXX, que verá a luz en 2008, en setembro ou outubro, que hai que estudiar se compensa pasar a celebración a despois do San Froilán. A XXIX Semana Non é por buscar disculpas, pero como esta Semana tivo menos espectadores que a anterior, suponse que as causas están no caloroso setembro, na coincidencia con acontecementos deportivos importantes, e na baixada da asistencia dos lucenses ó cine, que fai que de golpe vaian pechar as oito salas dos Yelmo na capital lucense. Aínda así, en Lugo hai entusiasmo pola Semana de Cine, en nenos e maiores. Especialmente nenos e rapaces. Baixou o número de espectadores de corenta anos en diante, e subiu o público mozo, ese que disfruta do cine, que redescubriu o cine, e que coidamos que Fonmiñá e a Semana de Cine tivo moito que ver nesta descuberta. Posto a mencionar, digamos que a película “Las Alas de la Vida”, sobre a traxedia vital do vigués residente en Mallorca Carlos Christos, foi un clamoroso comezo para esta Semana, na que o premio do público foi para a película “Despois da voda”, que superou en votos a outras cintas memorables, entre as que está a última película de David Linch. Homenaxes En cada semana homenaxéase a un lucense relacionado co Cine, e en anteriores anos foron homenaxeados o actor Luis Tosar, o productor e distribuidor Julio Fernández… Pero nos tres últimos anos a homenaxe faise patente de xeito especial na edición dun libro sobre o personaxe homenaxeado, escrito por Curiel. En 2005, o libro foi sobre Prudencia Grifell, gran señora do cine mexicano, que naceu en Lugo accidentalmente, e como lucense foi recoñecida. En 2006, a actriz Carmen Correa, das terras do Cádabo, que participou en numerosas películas nos anos 70. E este ano o homenaxeado foi Frank Braña, actor que naceu no límite entre Asturias e Galicia, pero el considérase fonsagradino, e na Fonsagrada viviu un tempo da súa vida. Frank Braña, que agora ten 75 anos, participou en máis de dúascentas películas, e foi o actor que máis veces morreu na pantalla… Máis de cen veces morto para nunca máis morrer por obra da maxia do cine. Acompañando a Frank Braña estivo en Lugo Rafael Romero Marchent, actor, guionista e director, gran amigo de Frank, ó que fixo intervir en numerosas películas súas. Con motivo da presencia destes dous homes do cine, proxectouse un ciclo de películas en Caixa Galicia, entrelas un episodio de “Curro Jiménez”, nas que os dous participaron. Salas de cine Se ben o actual “pazo do festival” é o Auditorio Gustavo Freire, de titularidade municipal, alí só se celebran tres seccións da Semana: Infantil, O mellor (do ano anterior) e a Oficial. O resto das proxeccións, as seccións de Homenaxe, proxéctanse nas salas de Caixa Galicia e Biblioteca Pública Provincial. Cando o gran teatro se pechou, o encargado da proxección, Chicho (Juan Barreira Garra) pasou a ser exclusivamente o proxectista da Semana no Auditorio Gustavo Freire. Chicho deixounos o pasado mes de agosto, dun mal que o seu optimismo e a súa forza non deu superado, e a Semana, na xornada inaugural, rendeu unha homenaxe na súa memoria, na persoa de Lucía, a súa dona, á que acompañaba toda a súa familia. Exposicións No Auditorio Gustavo Friere montouse unha exposición homenaxe a Frank Braña, que foi unha auténtica sorpresa para o actor, que non cría ter feito tantas películas e desenvolvido tanta actividade. Por esta mostra xa se interesaron varias institucións, e a primeira en ser atendida será o Concello da Fonsagrada, onde será levada próximamente. Así mesmo, na sala de exposicións da Xunta de Galicia, montouse unha mostra sobre o Cine Asturiano onte e hoxe, da que foi comisario o investigador asturiano do cine Francisco Jurado, que expuxo programas e carteis de máis de cen cines do veciño principado. Tamén, e como froito da colaboración entre a Universidade de Santiago e a Semana de Cine, a sala Isaac Dìaz Pardo da Facultade de Veterinaria expón ata finais de outubro os 145 cartaces presentados ó certame convocado por Fonmiñá para elixi-lo cartel anunciador desta mostra cinematográfica. A convocatoria deste certame efectuouse unicamente por Internet, concurrindo orixinais de toda España, resultando gañador o deseño presentado por Jacobo Hortas, galego residente en Alicante. O Futuro Fonmiñá está moi satisfeita da colaboración – Sempre se indica que a satisfacción é máis pola colaboración cualitativa que cuantitativa- de Concello de Lugo, Dputación Provincial, Xunta de Galicia, Xacobeo, Caixa Galicia e Universidade, tentando aumenta-las contías das axudas para potenciar a Semana. Un dos temas a estudiar para o próximo ano é o posible traslado da Semana desde a terceira semana de setembro á terceira de outubro, mesmo despois do San Froilán, para distanciala un pouco máis do remate do verán, que impide unha axeitada e previa difusión das numerosas películas proxectadas. Polo demáis, ben, gracias. A Semana de Cine de Lugo en de cumprir intenove edicións e está máis noa ca nunca. E os lucenses seguen a ter no cine a fonte inesgotable de sensacións que fan da sétima arte a máis nova, a máis viva, a máis grande. |
